sábado, 12 de marzo de 2011

Silvia Longueira subliña a aposta do Concello pola conciliación familiar e a educación a través dos campamentos municipais

Fuente coruna.es:

Por iso, a Concellaría de Servizos Sociais está a ultimar a contratación dos distintos campamentos que organizará durante os meses de xullo e agosto de 2011 para colaborar na conciliación dos veciños e veciñas da Coruña durante as vacacións escolares.

O Concello realiza un novo esforzo para manter o mesmo orzamento que o pasado ano, 193.000 euros, aumenta as prazas para nenos e nenas con discapacidade nos campamentos urbanos que teñen lugar nos centros cívicos e ofrecerá, por primeira vez, actividades en inglés.

O ano pasado ofrecéronse 2.696 prazas, 731 máis que o verán de 2009, e o Concello quere seguir incrementando o número de nenos e nenas inscritos nos campamentos, polo que a posibilidade de ofrecer máis prazas será un dos criterios de valoración das ofertas que se presenten.

O Concello destina aos campamentos municipais –nas súas tres modalidades: tradicionais, de día e urbanos- un orzamento de 193.000 euros, a mesma cantidade que nos orzamentos de 2010. Tamén se conxelan as cotas que deberán achegar os pais dos nenos e nenas inscritos, que se reduciron sensiblemente o ano pasado nos campamentos de día e tradicionais (cinco e 15 euros menos, respectivamente) mentres que o dos campamentos urbanos conxélase por segundo ano consecutivo.

Por primeira vez, nos campamentos de día ofreceranse actividades en inglés para que os nenos poidan seguir avanzando no manexo deste idioma e haberá un campamento específico no que as clases de inglés serán catro horas ao día.

Ademais, o Concello ampliou de 15 a 24 o número de prazas nos campamentos urbanos destinado a nenos e nenas con algunha discapacidade para adecuar mellor a oferta a esta demanda específica dos pais e nais.

Doutra banda, a concelleira de Servizos Sociais adiantou que a partir de abril iniciaranse novos programas, como o Plan de Prevención á Drogodependencia, con talleres e actividades de prevención escolar, xuvenil, familiar e comunitaria.

No hay comentarios: